CRTVG

Buscar

A comarca da Mariña, afectada polo brote de covid-19, vota con normalidade

Publicado o 12/07/2020 16:11

En Burela habilitáronse dous pavillóns para esta xornada electoral. Son espazos amplos para garantir en todo momento o distanciamento e as medidas de seguridade. As dez mesas electorais de Burela, que concentra nestes momentos a maior parte de casos de coronavirus, abriron con normalidade, tamén as do resto da comarca da Mariña, afectada polo brote.

Á primeira hora houbo ringleiras para depositar o voto. Na comarca da Mariña son preto de 58.000 as persoas con dereito ao voto. Arredor de 200 non poderán ir votar. Son as persoas con infección activa de coronavirus confirmada por PCR positiva e os que estean pendentes de facer a proba.

Si poderán acudir ás urnas os contactos estreitos, pero con proba PCR negativa, sempre seguindo as medidas estritas de seguridade e hixiene e, iso si, despois de depositar a papeleta teñen que regresar ao domicilio para seguir cumprindo coa corentena preventiva. O Tribunal Supremo desbotaba nas últimas horas suspender as eleccións na comarca da Mariña, avalando a decisión da Xunta Electoral Central.

Noticias web

12/07/2020