A comarca da Mariña acumula os peores datos de contaxios dende o inicio da pandemia
O aumento imparable dos contaxios continúa na Mariña lucense. En Burela, a incidencia acumulada dispárase ata acadar xa os 1.600 casos por cada 100.000 habitantes.
"Estase complicando bastante porque desta vez é explosiva, cada día que pasa increméntase unha barbaridade", sinala o alcalde de Burela Alfredo Llano.
A vila acolle un cribado entre mozos de 18 a 30 anos para tentar detectar asintomáticos.
"Como están aumentando os contaxios, veño por prevención". "Eu son educadora infantil e vin oportuno vir".
Fan un chamamento á participación porque aos cribados da fin de semana nos concellos veciños só acudiu o 45 % dos convocados.
"Eu non estou de acordo. Se nos citan, temos que vir todos porque se non non facemos nada".
Nos cribados de Foz, Viveiro e Ribadeo detectáronse máis de 40 positivos, por iso moitos acoden ás probas, que achegan máis tranquilidade.
"Aquí hai moita xente que vive cos avós e moita xente ten medo por iso".
A PCR tamén lles serve aos non vacinados para acceder á hostalería, dado que cinco concellos da comarca están en nivel alto.
"Para entrar nos locais hai que ter unha PCR negativa ou o certificado de vacinación e eu non teño nada entón tamén por iso". "A min cólleme a franxa que non teño vacina e para entrar dentro necesito unha PCR negativa".
O concello que máis positivos suma é o de Viveiro, con 230 casos activos, sobrepasando o que era o seu maior número de contaxios da pandemia.