CRTVG

Buscar

A colocación dun banco provoca discordia en Padrón

Publicado o 18/10/2021 14:57

Un banco está a crear polémica entre os veciños do lugar de Pazos, en Padrón. Concretamente en Porta dos Mariños. O asento fora colocado polo Concello a petición duns veciños para logo ser retirado ao pouco, pola reclamación doutros.

Todo comezou cando o fillo de María solicitou a colocación dun banco para que súa nai e outras persoas maiores do lugar puidesen descansar ao sol. Pero un día o asento foi retirado de novo.

Logo de recoller firmas entre a veciñanza, o Concello volveu colocar o banco no mesmo lugar, e parece que aí vai quedar, ou polo menos polo de agora. Para María e algúns veciños, este banco permítelles saír da casa e entreterse falando uns contos. 

Outros veciños solicitaran ao Concello resituar o asento, que non retiralo. Ao seu entender supón un perigo tanto para as persoas que se sentan nel como para os condutores que teñan que pasar por alí, pois a súa colocación estreita aínda máis a estrada. Din, como se pode ver nas imaxes que nos facilitan, que os coches pasan moi xustos, cando non hai outros vehículos estacionados na vía. Algo que explican que é habitual. 

Engaden que amais no caso dunha emerxencia nin as ambulancias nin os vehículos de bombeiros, por exemplo, poderían pasar. Pois terían que invadir esta propiedade privada, pero tamén a altura do tellado non é suficiente para ir ata o final da vía. Para eles o problema non está no banco, algo do que están ao favor, pero si na súa situación. 

Agora, tanto uns coma outros, só agardan que todo se solucione da mellor maneira para seguir mantendo a boa sintonía que sempre houbo e hai entre a veciñanza. 

Noticias web

18/10/2021