CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

A colleita de pataca da Limia será inferior ás previsións iniciais

Publicado o 06/10/2017 14:24

Recta final da recollida da pataca da Limia, cunha produción inferior ás previsións iniciais. O tempo seco e as temperaturas tan altas de finais do verán e comezo do outono rebaixaron as expectativas que prognosticaban unha das campañas máis elevadas dos últimos anos. Dos 150 millóns de quilos que prevían os produtores, agora din que contan con rematar con arredor duns 100 millóns de quilos. Iso si, aseguran que a calidade é excelente.

Co 70% das patacas recollidas na Limia, os produtores ven como se rebaixan as expectativas dos técnicos, que falaban dunha colleita das máis grandes dos últimos anos. Prevían unha produción duns 150 millóns de quilos, pero o tempo seco e as altas temperaturas provocaron que as patacas deixaran de medrar, quedaron máis pequenas e a produción, din, quedará en torno aos 100 millóns de quilos. Pero as patacas están moi sas e aseguran que son de excelente calidade.

A cantidade desta campaña é a que adoitan recoller nun ano normal, e é superior á do ano pasado, pero agora preocúpalles o efecto que isto está a provocar nos prezos, á baixa, e por debaixo dos custos de produción.

A variedade Kennebec, a amparada pola IXP Pataca de Calidade, é a que mellor resultado deu, incrementando a produción nun 10%. Manteñen a previsón no Consello Regulador de certificar uns 9 millóns de quilos nas distintas zonas amparadas. Na Limia, os traballos da recollida rematarán a finais da vindeira semana ou principios da que vén.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí