A colexiata do Sar: de espazo protexido a aparcadoiro
Os coches enchen a praza da colexiata do Sar un día calquera desde pola mañá cedo. E algúns quedan semanas enteiras.
René Osorio, presesidente da Asociación de familias de alumnos do colexio Montessori: "Por momentos estivo moi moderado, e só aparcaban de cando en cando porque os sinais o prohiben, pero coas obras na contorna e a pandemia descontrolouse e agora estamos nunha situación dramática".
O colexio Montessori está en dependencias da colexiata. Nenas e nenos de 3 a 15 anos teñen que compartir espazo cos vehículos. Para recuperar o bo uso da praza, as alumnas do colexio tiveron a iniciativa de facer unhas postais para recordalles aos donos dos coches que este é un espazo protexido.
José Porto Buceta, párroco do Sar: "Grazas a Deus estamos nas mans del e non houbo nunca accidentes nin ataques cardiovasculares porque non pode pasar a ambulancia porque está a tope, non hai por onde coller. O outro día houbo unha voda e tiveron que aparcar fóra porque estaba todo ocupado. Os que veñen á misa dos domingos pásalles igual. Os da parroquia teñen que quedar fóra porque isto está repleto".
Piden que se tome en serio a protección deste espazo, cada vez máis deteriorado. A imaxe devólvenos ao tempo en que se aparcaba e circulaba pola praza do Obradoiro.
René Osorio, presidente da Asociación de familias de alumnos do colexio Montessori: "O edificio está considerado un monumento BIC, protexido. Consideramos que temos que facer accións para que isto mellore de forma rápida e substancial".
José Porto Buceta, párroco do Sar: "Cos turistas cáeme a cara de vergoña cando un me dicía que viaxara moito e aquí é o único sitio onde atopou un monumento deste calibre, do románico, invadido de coches".
Nun momento optouse por pechar, pero rompían a cancela. A solución máis drástica serían os postes, para que só accedan os vehículos autorizados.