A cohabitación entre un presidente saínte e un que non acaba de chegar complica as operacións de fichaxes
Desde a celebración da xunta de accionistas do pasado martes, o equipo de Fernando Vidal e o Consello de Administración do Deportivo só se reuniron nunha ocasión. O mercado invernal comeza o xoves, 2 de xaneiro. O candidato quere que para o partido do Numancia do domingo, 5 de xaneiro, estea dispoñible algunha das incorporacións, pero advirte das dificultades.
"Tentaremos que algún xogador estea para o partido do Numancia. Hai dificultades. Agora mesmo, o Deportivo, na situación quE está, non ten fácil traer xogadores de certo nivel, que suban un pouco a calidade. Hai xogadores aos que, dalgún xeito, os tirá para atrás a situación deportiva do club", dixo Fernando Vidal.
Paco Zas asegurou que non tomará decisións, nin deportivas, nin económicas, que hipotequen o futuro do club.
"Operacións que están agora mesmo en marcha e que poden ser beneficiosas para o Deportivo teremos que asumilas e consultalas, por que non? Sen ningún problema, se teño que decidir algo que sexa bo para o Deportivo, vouno decidir", afirmou o aínda presidente.
O equipo regresará aos adestramentos o vindeiro sábado.