CRTVG

Buscar

A coada avanza cara ao mar, a onde podería chegar en breve

Publicado o 27/09/2021 09:28

A igrexa de Todoque sucumbiu ante a lava do Cumbre Vieja, que leva unha semana expulsando magma e piroclastos. Tamén o centro de saúde quedou sepultado. Neste momento, están activos catro centros emisores, catro bocas. 

Hai dúas coadas que baixan en dirección ao mar. Unha ao norte, con lava máis quente e máis fluída porque emana dunha maior profundidade do volcán, duns dez quilómetros, avanza a uns 100 metros por hora, e outra ao sur baixa a 30 metros por hora. Desde que comezou a erupción hai oito días, a lava xa cubriu 212 hectáreas e sepultou 461 edificacións.

O volcán está nestes momentos nunha fase de estabilización e a sismicidade é baixa. Tamén os científicos da Rede Xeodésica Canaria rexistraron un proceso de deflación, unha diminución da presión do sistema magmático, pero, explican os expertos, non significa que se estea acabando a erupción. 

A mellora dos indicadores permitiu a volta á casa das 160 persoas evacuadas o venres de Tajuya, Tacande Alto e Tacande Baixo. Segue habendo 6.000 persoas evacuadas, que perderon casas e negocios. 

Ante a previsión da chegada da lava ao mar, ordenouse o confinamento preventivo de varios barrios de Tazacorte.  Vinte centros educativos das tres localidades máis afectadas, O Paso, Os Llanos de Aridane e Tazacorte, seguirán hoxe pechados.

Noticias web

27/09/2021