CRTVG

Buscar

Abanca recoñece que hai conversas con accionistas de Liberbank para unha OPA

Publicado o 22/02/2019 20:02

• A operación permitiríalle duplicar o seu tamaño actual

• Liberbank nega os contactos pero a súa cotización crece un 20% 

Abanca confirmou que está en conversas para absorber Liberbank. Aínda que a entidade asturiana o nega, o banco de orixe galega informou de contactos cos principais accionistas do seu competidor. De concretarse, a operación podería custarlle a Abanca uns 1.700 millóns de euros e permitiríalle duplicar o seu tamaño actual.

Abanca lánzase ao seu maior intento de expansión desde a fusión das antigas caixas galegas. A entidade que preside Juan Carlos Escotet confirmou conversas cos principais accionistas de Liberbank. Ofrécelles 56 céntimos por acción, un 40% máis do que valían este xoves. Como os eventuais vendedores representan máis do 30% do accionariado, a lei obrigaría a Abanca a estender a oferta ao resto de accionistas. En total, máis de 1.700 millóns de euros para facerse cun banco de tamaño moi semellante ao da entidade de orixe galega.

A operación permitirialle a Abanca estender o negocio por Asturias, Cantabria e Castela-A Mancha e non afectaría a rede na comunidade: Liberbank só ten aquí 5 sucursais. Pero a entidade de orixe asturiana nega que haxa negociacións en marcha: oficialmente, só están falando con Unicaja, con quen estudan unha fusión desde decembro. O movemento de Abanca disparou a cotización de Liberbank case un 20%, mentres que as accións de Unicaja caeron un 4. De confirmarse a operación, sería o segundo gran estiron de Abanca, que hai tres meses comprou a filial española da portuguesa Caixa Geral de Depositos.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí