CRTVG

Buscar

A clase política galega amosa a súa repulsa á violencia machista

Publicado o 17/09/2019 15:59

As principais cidades e vilas galegas acolleron esta mañá actos de repulsa contra este crime. Ás portas dos concellos concentráronse membros das corporacións municipais e veciños para gardar un minuto de silencio polas tres vítimas da violencia machista. Santiago, A Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e mesmo Ames, concello onde residía o presunto asasino, condenaron este triplo asasinato.

Parlamento de Galicia

No Parlamento de Galicia tamén se gardou un minuto de silencio en memoria das vítimas. Ás doce do mediodía traballadores da cámara e representantes de todos os grupos parlamentarios, encabezados polo presidente do Parlamento, concentráronse ás portas da institución para lembrar a Sandra, Alba e María Elena.

Subdelegación de Goberno

Á mesma hora, en Pontevedra, ducias de persoas concentrábanse tamén ante a Subdelegación do Goberno. Gardaron un minuto de silencio en memoria das tres asasinadas e despois irromperon nun prolongado aplauso. O delegado do Goberno en Galicia pediu que servise para que a sociedade siga combatendo a violencia machista ata lograr erradicala. 

Xunta

Concentración tamén na Xunta e minuto de silencio polas tres vítimas, nunha mostra de loito do Goberno galego e do persoal da Administración.

A secretaria xeral de Igualdade asegurou que toda Galicia continúa consternada por este último crime machista e comprometeu todo o apoio posible aos familiares e achegados das tres mulleres asasinadas.

A pasada noite, tamén na Xunta, proxectaron dous lazos morados sobre a fachada do edificio como símbolo de repulsión e protesta contra a violencia machista.

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/09/2019