CRTVG

Buscar

A cidade de Santiago abandona o nivel de máxima alerta

Publicado o 18/02/2021 14:51

A evolución favorable desta terceira onda da pandemia consolídase en Santiago de Compostela. En tres semanas, a cidade conseguiu dividir por tres a incidencia da covid. Este xoves convértese na segunda cidade galega, despois de Vigo, en saír do nivel de máxima alerta.

Tras tres semanas consecutivas de descenso, a capital de Galicia consegue quedar por debaixo dese limiar dos 250 casos por cada 100.000 habitantes que marca a OMS. O pasado 25 de xaneiro rexistraba 720 casos e agora rexistra 233.

"Son boas novas, que estea diminuíndo a incidencia, pero debemos ter os pés no chan. A realidade é que son aínda unhas incidencias moi elevadas", advirte o experto en Epidemioloxía Juan Gestal. Insiste en que estamos nun momento perigoso. Aínda é inverno, as vacinas van a ritmo lento e hai que estar atendos ás novas cepas. Pero na rúa, os cidadáns comezan a pensar nun posible alivio das restricións.

Os expertos piden consolidar os datos. Baixar as incidencias a menos de 50 para que unha eventual cuarta onda non sexa explosiva. "Penso que este esforzo para os sectores económicos afectados pois pode servir para organizar un pouco máis a vida se se espera a saír cunha situación máis favorable e non saír antes de tempo", asegura.

A situación vai acompañada xa dun descenso na hospitalización que permite recuperar parte das cirurxías que houbera que reprogramar. E segue a busca activa de casos. Este xoves conclúe un cribado a 1.500 alumnos e profesores de Lasalle depois de varios positivos en aulas de secundaria.

Noticias web

18/02/2021