CRTVG

Buscar

A cidade de Ourense baixa do milleiro de casos activos

Publicado o 31/07/2021 14:41


A cidade de Ourense segue en nivel alto de restricións, a incidencia desta quinta onda segue a ser elevada, pero a tendencia é descendente desde hai unha semana.

"A xente maior anda coa máscara, e nos locais hai moi pouca xente". "Porque a xente ten medo, entrar aos sitios ou estar nunha terraza dá un pouco de medo, pero hai que facer vida porque se non, a nivel psicolóxico, si que nos pasa factura", comentan dous veciños.

Con 935 casos, a cidade sitúase por primeira vez en quince días por baixo do milleiro de positivos.

"Teño gañas de coller a xente entre os meus brazos, coma antes, pero hai que ter paciencia", di unha muller.

Un descenso sostido pero lento, en comparación co crecemento explosivo con que se declarou esta quinta onda a principios de xullo.

"Tiven que chamar máis dunha vez á local para que desfixera botellóns onda o Auditorio". "Tivemos a onda que tivemos pola nosa culpa, en xeral, non só da xuventude", sinalan dúas persoas.

Nunha semana, o número de contaxiados descendeu un 26 por cento, con 330 positivos menos aínda que se seguen detectando casos novos a diario.

"Tes que dar conta de que xa estamos moita xente vacinada, e cantos máis esteamos, mellor para todos", di un veciño.

A melloría dos datos na cidade reflíctense no cómputo da área sanitaria, que baixa por fin dos 2.000 casos activos, aínda que a situación é asimétrica. A de Monterrei, onde seguen aumentando os positivos, é a comarca que máis preocupa. En canto á presión hospitalaria, hai un novo ingreso na UCI, 4 en total, pero baixaron as hospitalizacións en planta.
 

Noticias web

31/07/2021