CRTVG

Buscar

A Cidade da Cultura fai dez anos co reto de consolidarse como referente cultural

Publicado o 13/01/2021 15:11

A Cidade da Cultura fai 50 anos e segundo a Xunta e o concello de Santiago é un proxecto consolidado e con moito futuro. As administracións dan por pechada a polémica sobre o custo e a utilidade, e cren que acabará sendo un gran referente de Galicia.

A controversia polo presuposto e as dúbidas sobre a súa utilidade rodearon a inauguración dos primeiros edificios da Cidade da Cultura, o complexo impulsado polo Goberno de Manuel Fraga e deseñado polo arquitecto Peter Einsenman. Na conmemoración da súa primeira década, as actuais administracións autonómica e local dan por bo o gasto dos 300 millóns de euros que custou, segundo as cifras oficiais. Na súa opinión, malia as crises económica e sanitaria vividas nestes dez anos, o proxecto está consolidado.

"O cambio, a consolidación, a apertura, a forza que foi adquirindo este complexo nada ten que ver co que foi nos seus inicios. Nos últimos anos a percepción colectiva cambiou", dixo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

"Creo que se está consolidando como un referente e iso teño que valoralo de xeito positivo, porque é o que a pon en valor e o que nos permite dicir que foi un investimento e non un gasto", engadiu o alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo.

Os responsables da cultura galega e compostelá consideran que as grandes obras hai que valoralas con perspectiva histórica.

"Mirar para atrás e tomarlle a xusta medida a este recinto. Pensar se pagou a pena, eu penso que si que pagou a pena", sinalou o conselleiro.

Seis millóns de persoas visitaron neste tempo a cidade da cultura, que acolleu 5.000 actos e eventos. O edificio Fontán, un centro tecnolóxico que conectará as tres universidades galegas, será o remate arquitectónico, pero o proxecto vai continuar. O obxectivo é convertelo en factoría cultural interconectada á Rede dos grandes museos mundiais.

Noticias web

13/01/2021