A cidadanía leonesa esixe un plan industrial alternativo ao carbón que lle permita vivir na provincia
Tractores na rúa, en sinal dunha agricultura sen futuro. Coas minas e as térmicas pechadas, difícil é dar volta á caída demográfica que día a día vai deixando as comarcas leonesas máis baleiras. Sen oportunidades de traballo, a provincia esmorece. Por iso, máis de 57.000 persoas, segundo a Policía, 80.000 segundo os organizadores, esixiron hoxe un plan industrial alternativo co que vivir na súa terra.
Pepe Álvarez, secretario xeral de UGT, di: "Chove sobre mollado. Hai moito tempo que León está clamando pola necesidade de que se faga políticas específicas que rematen con esta situación de destrución de emprego, de comarcas completas, e, francamente, ata agora o que se fixo tivo moi pouco éxito".
Tamén Unai Sordo, secretario xeral de CCOO, insiste na necesidade de unir esforzos: "As institucións teñen a obriga de corrixir as desigualdades, de garantir o acceso ao emprego, á vivenda e aos servizos públicos en condicións de igualdade. Hai centos de milleiros de millóns en Europa que se van destinar ás políticas de transición xusta e desenvolvemento industrial. O conxunto de institucións españolas ten que aliñarse para que en territorios como León se poidan canalizar investimentos produtivos, útiles e que xeren emprego de calidade para dar a oportunidade de que as persoas vivan nos seus territorios".
Hoxe todos os partidos estiveron representados na protesta, xunto ás entidades da sociedade civil e empresarial. Tamén os colectivos leonistas que reinvindican a autonomía para a rexión co apoio duns vinte concellos.
O próximo 3 de marzo consituirase a Mesa polo Futuro de León á que se sumaron todas as administracións e na que se volveran ver para empezar a buscar solucións.