CRTVG

Buscar

A chuvia recupera protagonismo na fin de semana tras a baixa térmica do venres

Publicado o 08/11/2019 14:02

As primeiras horas deste venres estiveron marcadas en Galicia polo descenso térmico. En xeral, foi a mañá máis fresca no que levamos de outono. O vento do noroeste acentuou a sensación de frío durante toda a mañá, aínda que con variacións segundo a zona e o momento.

O aspecto atmosférico captado contra as dez desde o alto do Pico Sacro amosaba un panorama diverso, con claros ocasionais polo oeste. Segundo os prognósticos, na fin de semana o ambiente varía algo.

Diego Viaño, de 'O tempo' da TVG: "Durante a fin de semana perde un pouco de protagonismo o frío. Un chisquiño. Pero é certo que gaña relevancia a chuvia. Xa mañá, durante a mañanciña, iranos varrendo un sistema frontal que mollará as catro provincias. Algo de tregua durante a tarde, pero de novo o domingo á tardiña outra nova fronte tocará as comarcas das catro provincias galegas".

E no mar volve para o domingo o aviso de cor laranxa en parte da costa de Galicia, que xa tivo unha situación difícil nas últimas horas. Viaño di que "foi complicada a madrugada e vai continuar así, aínda as próximas horas cun aviso laranxa activado dende a Costa da Morte ata Ribadeo por mar combinado, principalmente pola acción do mar de fondo. Mañá teremos unha lixeira tregua na costa galega, pero, ollo, que o domingo todo o litoral galego vai estar en aviso".

As peores horas do domingo, segundo o aviso marítimo de Meteogalicia, serán entre as nove da mañá e as nove da noite na Costa da Morte e Coruña noroeste, e entre o mediodía e as nove da noite na Mariña luguesa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/11/2019