CRTVG

Buscar

A chuvia e as temperaturas frescas serán as protagonistas da fin de semana

Publicado o 18/06/2021 16:03

Son xa os últimos días da primavera, pero o tempo parece querer levarnos de volta ao inverno. Paraugas e roupa de abrigo terán que acompañarnos esta fin de semana, que será chuviosa e fresca.

O ceo cuberto desta xornada anticipa o que será unha fin de semana pasada por auga en toda a comunidade. Estamos a tres días do verán, pero estas imaxes parecen querer levarnos de volta ao comezo da primavera. E é que esta fin de semana que temos por diante haberá que buscar actividades ao abrigo.

Tras do paso da intensa fronte das últimas horas, a chuvia dános unha pequena tregua, pero o tempo seguirá sendo inestable, con chuvascos e tormentas que poderán ser localmente fortes durante a xornada de mañá, sábado.

O domingo entrará en Galicia unha nova fronte, que non será moi activa pero que deixará ceo cuberto e precipitacións, especialmente na costa norte e nas provincias da Coruña e Pontevedra. A medida que avance a tarde iranse abrindo claros.

Será xa coa chegada do verán, na madrugada do próximo luns, cando poidamos ir recuperando o tempo anticlónico. Será unha melloría lenta, pero cunha predición que se vai afianzando. A noite de San Xoán non teremos chuvia en Galicia, aínda que as temperaturas ao caer o día serán frescas.

Noticias web

18/06/2021