CRTVG

Buscar

A chuvia axuda a estabilizar os incendios de Ribas de Sil tras calcinar 1.600 hectáreas

Publicado o 08/09/2021 11:45

• Medio Rural desactiva a alerta por proximidade ás casas

• Feijóo pide colaboración cidadá para dar cos incendiarios

EFE/ Adra Pallon

A Xunta indicou que os incendios forestais que afectan case 1.600 hectáreas de superficie en Ribas de Sil estabilizáronse e desactivou a situación 2, que se habilitara pola proximidade do lume ás casas. Segundo trasladou o Goberno galego, ambos os dous incendios forestais estabilizáronse sobre as 16.30 horas deste martes. A chegada da chuvia botou unha man contra as lapas que se propagaran con rapidez pola calor e cuxo control resulta complexo polo escarpado do terreo.

A Xunta ten despregado un amplo dispositivo neste incendio que afecta tres concellos e recibiu tamén a axuda do Goberno que tamén enviou medios, entre os que está a UME. "É complexo polos cambios de vento que tivemos e tamén polo escarpado que é o terreo", di Adrián Reino, capitán da Unidade Militar de Emerxencias.

 Desde o Goberno galego apuntan que é evidente que o incendio foi intencionado porque comezou en diferentes focos en simultáneo. "A simultaneidade de distintos focos en distintos puntos acredita esa intencionalidade. Non hai incendios que se orixinen naturalmente con distintos focos e separados por uns centos de metros. É unha obviedade que é un incendio provocado", afirma Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte.

"É un incendio devastador para toda a comarca", asegura Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo."Quero amosar o meu rexeitamento firme e contundente contra os que son incapaces de ver o risco que a súa mala actuación pode ocasionarlle a todos os que vivimos no rural", declara Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

O primeiro dos incendios iniciouse na noite do domingo na parroquia de Nogueira, cunhas 140 hectáreas queimadas. Posteriormente, pouco antes das 13,00 horas deste luns, orixinouse un segundo incendio na parroquia homónima de Ribas de Sil, que alcanzou o termo municipal veciño de Quiroga e da Pobra do Brollón e converteuse no máis voraz da temporada ao arrasar 1.450 hectáreas de superficie.

Ante a proximidade das chamas ao núcleo poboacional de Rairós, a Xunta activou a situación 2 en Ribas de Sil, que foi deshabilitada na tarde deste martes, cando ambos os dous incendios se estabilizaron. 

En total nos dous incendios, a Xunta despregou máis de 150 efectivos por terra ademais de 50 motombas, 10 pas, 15 avións e 20 helicópteros. Ás tarefas de extinción sumáronse os medios enviados polo Goberno, entre eles, a UME, a Unidade Militar de Emerxencia. 

Por outra banda, o incendio do municipio ouresán de Chandrexa de Queixa xa foi extinguido, tras arrasar 122 hectáreas de monte raso.

Noticias web

08/09/2021