CRTVG

Buscar

A chuvia alivia a situación dos ríos

Publicado o 12/08/2020 21:24

A chuvia caída nas últimas horas venlles moi ben aos ríos galegos, pero apenas variará a situación dos encoros se se trata dunha fronte puntual. Con todo, desde Augas de Galicia aseguran que ata o de agora non hai problemas de abastecemento, grazas á abundancia de precipitacións da pasada primavera.

A chuvia de hoxe dálle vida ao caudal dos ríos que, como o Ulla, nutren os encoros galegos. A situación preocupaba, sobre todo, nos que desembocan no Cantábrico, desde Cedeira a Ribadeo, porque os indicadores están xa máis baixos do normal. Con todo, Augas de Galicia asegura que a pesar dos máis de 40 días sen chover en gran parte do territorio galego, non hai problema grazas á chuvia caída na primavera.

De feito, os últimos datos facilitados pola entidade que xestiona a auga reflicten uns niveis medios próximos ao 80 por cento nos encoros de Galicia Costa. Na conca Miño-Sil o nivel achégase ao 65 por cento. Con todo, a resposta ao futuro dos recursos hídricos en Galicia non está no verán, senón no comportamento meteorolóxico da vindeira estación.

En todo caso, con chuvia ou sen ela, é imprescindible facer un uso responsable e respectuoso deste recurso fundamental para a vida.

Noticias web

12/08/2020