CRTVG

Buscar

A China redobra esforzos e aumentan as corentenas

Publicado o 05/02/2020 14:09

Na China xa son polo menos 490 as mortes causadas polo coronavirus, segundo o último informe ofrecido polo Goberno, que confirma máis de 24.000 contaxiados en todo o país, 3.200 deles graves. O balance oficial di tamén que preto de 900 persoas curaron e foron dadas de alta.

En Wuhan, orixe e epicentro da epidemia, as autoridades están a habilitar polideportivos, hoteis e centros culturais para acoller enfermos. Centos de camas, médicos e material sanitario reconverten os edificios en sanatorios de emerxencia para desafogar os ateigados hospitais da cidade. A medida pretende axudar a facer fronte á situación na provincia máis castigada, Hubei, onde se rexistraron todas as mortes das últimas 24 horas.

No Xapón, detectaron 10 enfermos de coronavirus no transatlántico procedente de Hong Kong que permanece en corentena preto de porto de Yokohama, no sur de Toquio. O Goberno nipón teme que o número de contaxiados aumente, xa que de momento só lles fixo a proba a trinta e unha das 3.700 persoas a bordo. Os infectados están hospitalizados e ningún está grave.

Tamén en Hong Kong permanecen retidas 3.600 persoas nun transatlántico para ser sometidas a análise, despois de que tres pasaxeiros chineses que viaxaran anteriormente no barco foron confirmados como portadores do coronavirus.

 

Noticias web

05/02/2020