CRTVG

Buscar

A China recoñece a mala hixiene dos seus mercados e insta a unha reforma urxente

Publicado o 18/06/2020 07:56

A China subliñou hoxe a "necesidade urxente" de mellorar a hixiene nos seus mercados almacenistas e na cadea de subministración de alimentos tras o novo brote de coronavirus detectado en Pequín, que ata o de agora deixa 158 casos confirmados.

A capital chinesa aumentou o martes pola noite o nivel de resposta a emerxencias pola COVID-19 nun intento de frear a propagación masiva do brote, que se desatou o pasado xoves no principal mercado almacenista de Xinfadi.

Segundo indicou a Comisión Central de Control Disciplinario do Partido Comunista de China (PCCh) nun informe publicado na súa páxina web, "é urxente que o país mellore os estándares de saneamento e minimice os riscos para a saúde nos mercados".

"A epidemia é un espello que non só reflicte o aspecto sucio e desordenado dos mercados almacenistas, senón que tamén evidencia o baixo nivel da súa xestión", asegura o informe.

O coronavirus detectouse por primeira vez no mercado de mariscos de Huanan na cidade chinesa de Wuhan, e en Pequín o brote atopouse no de Xinfadi, que ocupa unha superficie de 112 hectáreas e ten 1.500 empregados e máis de 4.000 titulares de postos de venda.

"A maioría dos mercados construíronse hai 20 ou 30 anos, cando a drenaxe e o tratamento de augas residuais estaban relativamente pouco desenvolvidos", engade o organismo.

Queda por ver se o país tomará medidas decididas para mellorar a hixiene neste tipo de establecementos e nos chamados mercados subterráneos e semisubterráneos, espazos pechados e húmidos en que apenas hai ventilación.

Máis probas de coronavirus en Pequín

A Comisión Nacional de Saúde da China informou hoxe de 28 novos casos de COVID-19 detectados o mércores, catro deles procedentes do exterior e 24 locais, dos cales 21 se rexistraron en Pequín. Son dez menos que na véspera.

Namentres, a cidade continúa aplicando medidas extraordinarias para atallar o novo brote: o portavoz municipal, Xu Hejian, afirmou hoxe en conferencia de prensa que se farán máis tests aos residentes e que xa se realizaron 87.000 probas de ácido nucleico no distrito de Fengtai, onde está situado o mercado de Xinfadi.

Así mesmo, seguiranse facendo probas aos empregados de todos os restaurantes, universidades e mercados da capital -estes establecementos serán igualmente desinfectados. Ata onte realizáronse 356.000 tests, segundo as autoridades municipais.

Ademais, aquelas persoas que visitasen o mercado de Xinfadi desde o pasado 30 de maio e aquelas que mantivesen contacto con quen traballa alí deberán someterse a dúas probas de coronavirus, unha antes e outra despois de permaneceren illadas durante 14 días nas súas comunidades de veciños.

O portavoz reiterou que a cidade se atopa nun estado "crítico" á espera de completar as investigacións epidemiolóxicas e coñecer a magnitude do brote.

Por iso, non poderán abandonar a cidade persoas que desen positivo por COVID-19, contactos próximos, casos asintomáticos, persoas que mostren síntomas, aquelas que tivesen contacto co mercado e residentes en zonas de risco alto e medio.

Ata o de agora, só o barrio de Huaxiang, onde se atopa o mercado, se considera zona de risco alto -a única agora mesmo en toda A China-, mentres que se declararon 32 áreas de risco medio ao longo da cidade.

En Huaxiang, hoteis e outros establecementos hostaleiros permanecerán pechados ata nova orde, agregou o portavoz.

O subdirector de Seguridade Pública municipal, Pan Xuhong, indicou na mesma conferencia de prensa que "as restricións non significan que a cidade quedase selada" e que o obxectivo é "impedir que o virus se estenda pola capital ou chegue a outras cidades".

A subsecretaria xeral do Goberno municipal, Chen Bei, anunciou o martes que a cidade pasaba do terceiro ao segundo nivel de emerxencia, co cal, entre outras medidas, as comunidades de veciños volven comprobar a identidade e o estado de saúde dos residentes e volven tomarlles a temperatura.

Aínda que o segundo nivel de emerxencia non o inclúe, suspendéronse tamén os voos  interprovinciais -máis do 60 %  de voos de entrada e saída foron hoxe cancelados-, canceláronse todas as clases presenciais e aconséllase aos residentes que traballen desde a casa.