CRTVG

Buscar

A China di que a capacidade de propagación do virus se está fortalecendo

Publicado o 27/01/2020 08:31

Expertos chineses recolectaron mostras no mercado de Wuhan, onde se detectou a enfermidade por vez primeira, e varias das recollidas na zona onde se comercia con animais salvaxes deron positivo ao coroavirus. Agora están investigando que animal concreto pudio ser a fonte do brote.
Mentres, continúan traballando no desenvolvemento dunha vacina, tras illar a primeira cepa do virus.

Os responsables da Comisión Nacional de Saúde admiten, porén, que de momento non saben como vai evolucionar a epidemia e que o coroavirus se está volvendo máis contaxioso e propagando a unha velocidade que desafía o traballo de prevención.

Ata agora confirmáronse 80 mortes e arredor de 2800 contaxiados en todo o país, 324 en estado grave.

Estes estudantes dominicanos están como outros moitos estraxeiros bloqueados en Wuhan a causa do virus. Os Estados Unidos ou o Xapón anunciaron que van evacuar os seus compatriotas.

Están confirmados arredor dunha trintena de contaxios nunha ducia de países fóra da China, entre eles Francia.
O Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades alertou as autoridades europeas sobre a necesidade de reforzarse contra o coroavirus. Recordou que a detección tardía dun caso importado ou a non aplicación dos controis pertinentes pode derivar nun risco de transmisión moi alto na Unión Europea.

Noticias web

27/01/2020