CRTVG

Buscar

A China busca en Galicia eucaliptos para elaborar chapa

Publicado o 21/05/2019 17:07

Buscan eucaliptos de máis de 60 centímetros de diámetro, cunha lonxitude de entre 2,80 a 3,50 metros e da especie globulus, que é a que máis abunda en Galicia, sobre todo no litoral da Coruña e Lugo. Esta é unha variedade que, a diferenza do eucalipto nitens, resiste menos as xeadas, por iso se localiza sobre todo en zonas costeiras.

Para poder acadar ese diámetro, estes eucaliptos precisan duns 40 anos, polo que o seu rendemento non é tan alto como o que se emprega para a fabricación de pasta de papel. O destino final é para fabricar chapa e o obxectivo da compañía chinesa é facer envíos periódicos ao seu país a través de contedores marítimos que cargarán nos diferentes portos de Galicia. Esta empresa xa ten mercado de madeira en Asturias, pero tamén noutros países como Portugal, Estados Unidos e O Canadá.

Hai unha década que lle gañou a partida ao piñeiro e hoxe en día o eucalipto é a especie que máis se corta en Galicia. Só ela supón algo máis do 50 % do volume de corta. O seu cultivo abrangue unha extensión de case 300.000 hectáreas, o que supón o 20 % da superficie arborada. Un 80 % dedícase á variedade globulus que medra sobre todo no litoral e o 20 % restante ao eucalipto nitens que é o que mellor resiste as cotas altas, as xeadas e tamén certas pragas.

No ano 2018 cortáronse en Galicia 6 millóns de metros cúbicos de eucalipto. Hai máis de 1.800 empresas que traballan con esta especie e que xeran 5.500 postos de traballo directos. A industria do eucalipto factura en Galicia máis de 200 millóns de euros.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/05/2019