CRTVG

Buscar

A chegada do temporal Justine pon en alerta o litoral

Publicado o 29/01/2021 20:15

"Entre o virus e a borrasca e os santiños estes que lles poñen agora aos nomes do vento, acábase todo", comenta unha veciña de Carnota.

Estes santiños son Filomena, Gaetan, Hortense, Ignacio e a partir desta tarde Justine, tal e como a bautizou o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera. Cinco borrascas consecutivas nada máis comezar un ano que recorda os de antes.

"Xa hai anos que non hai anos coma este, pero é mellor, así non saio da casa", fala un señor.

"Este ano moitas, pero ben, aquí tamén xa estamos afeitos porque normalmente entran por Fisterra, sempre e cóllenos por esta zona", apunta unha rapaza

"O mellor agora sería que viñese un ventiño para levantar un pouco esta borrasca, que se non xa non saímos da borrasca en todo o mes", desexa unha veciña.

Pois iso vai ser o primeiro que se note, o aumento do vento ata acadar refachos de forza 8.

"Eu téñolle moito medo ao vento, á choiva aínda non, pero ao vento, moito", conta unha señora.

Esta nova fronte asociada a unha borrasca de orixe explosiva que circula polo Atlántico volve a deixar a frota amarrada.

"Este mes pouco foron", apunta a veciña.

"Levamos toda a semana, so fomos dous días ou tres. Hai moito temporal", laméntase un mariñeiro.

Calcúlase que a choiva chegará cara á noite. A máis forte, no litoral sur da Coruña e en todo o litoral de Pontevedra, onde se poderán recoller ata 40 litros por metro cadrado nun prazo de 12 horas. Mañá baixan as temperaturas e empeora o estado do mar, polo que xa está activado o aviso vermello en toda a costa de Lugo e case toda a da Coruña.

Noticias web

29/01/2021