CRTVG

Buscar

A chegada de regalos dos Reis podería verse afectada pola folga de Amazon

Publicado o 03/01/2019 16:30

Quedan poucos días para a noite de Reis e as empresas de repartición de paquetería multiplican esforzos para tentar que todos os pedidos cheguen a tempo.

Nas últimas semanas estas empresas non dan abasto, puxeron todas as súas fugonetas a disposición dos Reis Magos para que non falten en ningún fogar os agasallos que se pediron.

O sector do transporte medra en paralelo co auxe das compras a través de Internet e o Nadal é xa tradicionalmente a época de maior actividade, aínda que nos últimos anos a febre do Black Friday e o Ciber Monday fixo que o mes de novembro sexa tamén moi activo.

O crecemento do volume de paquetes derivados do comercio electrónico subiu por riba do 20%. En meses como novembro e decembro, esta cifra dispárase ata ao 50%. Empresas como Correos xa achegaron datos destes últimos meses do 2018, onde se cifraron unha media de 12 millóns de envíos ao mes, o dobre que no resto do ano.

Queda por ver, iso si, a repercusión que vai ter a folga que os traballadores de Amazon están secundando hoxe e que tamén afectará mañá.

Xa o advertiran no mes de novembro, 8 días de paro se non se atendían as demandas dos traballadores de Amazon, o xigante mundial de vendas a través de Internet.

Os traballadores do centro loxístico que Amazon ten en San Fernando de Henares pararon hoxe e farano tamén mañá se non se atenden as súas peticións. Reivindican melloras salariais, pero tamén de saúde laboral. Aseguran que a compañía cambiou de forma unilateral o convenio colectivo da empresa por outro sectorial, o que supuxo unha redución dos dereitos e a supresión de complementos salariais que afectan uns 200 traballadores. Tanto Comisións Obreiras como a Confederación xeral do Traballo, os sindicatos convocantes da folga anunciaron que haberá atrasos nos pedidos. Este centro loxístico foi o primeiro en abrirse en España e é o máis grande que o xigante do comercio electrónico ten non noso país.






 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/01/2019