CRTVG

Buscar

A cesta da compra, cada vez máis cara: seis meses de subas nos alimentos

Publicado o 19/10/2020 14:25

Saímos facer a compra, pero cada vez gastamos máis por menos. "Igual vas mercar con 60 euros e volves sen nada e con comida para só tres días", quéixase unha señora.

Galicia suma seis meses de fortes alzas no prezo dos alimentos. "Si, si que subiu", quéixase unha muller. "Nótase nos produtos de cada día".

Á cabeza do encarecemento están as froitas, que segundo a taxa de variación anual subiron un 15,8%. "Subiu todo, pero principalmente a froita, é unha barbaridade", coméntanos un veciño.

O segundo posto ocúpano os legumes e as hortalizas, que subiron un 5,2%. 

"Subiu todo debido á demanda. Estase vendendo moitísimo e a verdura é o que máis subiu", sinala a dona dunha froitería.

Tamén subiu a carne, principalmete a de porco e coello, e como consecuencia os seus derivados. 

"Subiu un pouco o porco e a tenreira, pero nós estamos mantendo os prezos", din nunha carnicería de Lugo.

"Para gastar 40 euros nun pouco de friame non fai falta moito, e son 40 euros, antes era impensable gastar ese diñeiro en friame", coméntanos outra muller.

En setembro, e en comparación co mesmo mes do pasado ano, Galicia foi a segunda comunidade cun maior encarecemento da cesta da compra, cun 2,9%, só por detrás de Asturias.

Noticias web

19/10/2020