CRTVG

Buscar

A cepa británica fixo subir máis e máis á présa a curva da pandemia

Publicado o 04/02/2021 14:41

Neste momento temos en Galicia 14 casos confirmados da cepa británica e un da cepa surafricana. Pero hai outros 200 casos en estudo.

Matemáticos galegos acaban de facer público un modelo para predicir a evolución destas variantes, máis contaxiosas.

Iván Area, investigador da Universidade de Vigo, explica que "coa nova mutación británica o que nos daba é que [a curva da pandemia] subía moitísimo máis rápido e cuns valores máis altos".

As proxeccións para xaneiro resultaron axustadas ao comportamento da curva de contaxios ao engadir ese incremento de infectividade do 56 por cento que se lle atribúe á cepa británica, "pero moito máis dun 56 % en realidade porque se trasmite moitísimo máis rápido a nivel social", explica o profesor Iván Area.

A cepa que chegou a provocar peche de fronteiras, e da que xa se confirmaron casos en Galicia, primeiro na Mariña e despois na Coruña, Santiago e Vigo, será a maioritaria aquí en cuestión de semanas.

"Por favor, intenten non contaxiarse para conseguir que o sistema sanitario libere un pouco a presión que ten", explica o investigador.

A cara positiva é que todo indica que a vacina é tamén efectiva contra as novas cepas.

Noticias web

04/02/2021