CRTVG

Buscar

A CEOE suspende o diálogo co Goberno e os sindicatos pídenlle que negocie

Publicado o 21/05/2020 15:00

Nin a patronal nin os sindicatos maioritarios coñecían este pacto. As reacción non tardaron en chegar. Os empresarios suspenderon inmediatamente o diálogo co Goberno. A UXT e Comisión Obreiras si que están de acordo coa derrogación da reforma laboral, pero pídenlle ao Goberno que se negocie con eles e coa patronal.

O acordo do Goberno con Bildu axitou, e moito, os empresarios. Nun comunicado dunha inusitada dureza, a patronal di que o pacto "supón un desprezo indignante ao diálogo social" e acusa
o Goberno de "dinamitalo". Pero a dureza non quedou no comunicado, chegou tamén aos feitos.

A Confederación de Empresarios suspende o diálogo co Executivo. Tan inmediata foi a decisión, que xa non acudiu á reunión co ministro de Seguridade Social prevista para a tarde deste xoves.

"Atopámonos cun pacto en que se di señores senten na mesa, pero as cartas xa están marcadas. Por iso dicimos que queda en suspenso o diálogo social neste momento. Terán que explicárnolo. E se a reforma é integral non sei para que teño que sentar nunha mesa se xa está decidido", di Antonio Garamendi, presidente da CEOE.

A UXT pídelle "mesura" á patronal e que non rache o diálogo social. Mensaxe para os empresarios e recado tamén para os partidos políticos. "Que deixen tempo á negociación, ao diálogo, para afrontar as reformas laborais que hai que facer sobre as reformas da crise anterior", asegura Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT.

Ningún dos dous sindicatos maioritarios, nin UXT nin Comisións Obreiras, estaban ao tanto do pacto. Aínda asi, celebran que se regrese ao acordo de investidura, que recollía o compromiso de derrogar a reforma laboral do Executvio de Rajoy. Pero, pídenlle ao Goberno que negocie a derrogación con eles e coa patronal. 

"O que hai que facer é retomar esas negociacións, loxicamente cando saiamos desta emerxencia sanitaria, para corrixir aquela reforma laboral tan prexudicial, que ten que facerse ademais desde o marco do diálogo social porque hai que incorporar unha lexislación alternativa", afirma Unai Sordo, secretario xeral de Comisións Obreiras.