CRTVG

Buscar

Santiago volve recibir peregrinos e a catedral reabre as súas portas

Publicado o 01/07/2020 15:26

Volve á normalidade o epicentro do turismo en Compostela. Hoxe reabre a catedral de Santiago despois de case catro meses pechada. Iso si, con algunhas restricións, sobre todo no culto dentro do templo. E volve tamén a actividade á Oficina do Peregrino.

Sabedores do importante acontecemento, houbo quen programou a viaxe para, por fin, poder ver hoxe a Catedral por dentro, aínda que con limitacións. Non se pode, por exemplo, acceder á cripta de momento, por labores de limpeza, nin dar o abrazo á figura do Apóstolo.

O horario de visita é de nove da mañá a sete da tarde. O acceso ao Pórtico da Gloria será con cita previa e cunha pequena redución de acollida con respecto a antes, vinte persoas.

Acollida limitada terá a misa do peregrino, unha ao día, ás sete e media da tarde, e só para 75 persoas. Entrarase con pase previo, que se repartirá minutos antes do oficio.

E día de estrea tamén para os vendedores ambulantes, quen durante todo este tempo non puideron instalar os postos na rúa.

A Oficina do Peregrino recupera a actividade e moitos foron os que puideron recoller xa a súa credencial logo de facer o Camiño.

O centro de acollida ten horario de dez e media a seis e media da tarde. Na capela ofician a misa cotiá do peregrino, ademais ás nove e media da mañá teñen culto en lingua inglesa.

 

Noticias web

01/07/2020

Máis sobre Santiago de Compostela