CRTVG

Buscar

A casa de Rosalía celebra os seus 50 anos mirando o futuro

Publicado o 15/07/2021 22:05

Unha reafirmación do galeguismo en pleno franquismo. O 15 de xullo de 1971 abría ao público a Casa de Rosalía.

"Hai 50 anos o pobo galego xuntouse, de maneira colectiva e individual, tanto en Galicia coma na emigración, para lle devolver a dignidade a esta casa", conta Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Colleitáronse exactamente 994.043 pesetas, case un millón, un millón da época, para rehabilitar esta casa que logo musealizaría Filgueira Valverde e hoxe loce uns espléndidos 50 anos mentres a figura de Rosalía continúa medrando.

A nai da cultura galega contemporánea naceu aquí. Filla de Teresa de Castro, nai solteira, a poeta nunca tivo casa de seu, sempre de alugueiro ou de prestado nos distintos lugares que habitou.

Aos 13 anos xa se movía como actriz no fervedoiro cultural compostelán. Con 19 ensancha instrución en Madrid. E despois Rosalía e Murguía atrévense a vivir en Galicia e vivir da literatura. No 1860 empeza ela a escribir en galego.

Debuxouna nesta casa o seu fillo Ovidio, futuro pintor que tiña 14 anos cando o pasamento da súa nai. Tiña ela 48 anos. "Abride esa fiestra, que quero ver o mar", dicía Rosalía. Ela, que abriu a fiestra de Galicia.

Noticias web

15/07/2021