CRTVG

Buscar

A carne mechada vendida como marca branca tamén ten listeria

Publicado o 24/08/2019 21:34

As análises feitas ás mostras de carne mechada de Magrudis comercializadas como marca branca por Martínez León deron positivo por listeriose. As autoridades sanitarias descoñecían a existencia desta segunda empresa que distribuía o mesmo produto, ata que unha persoa enfermou tras comer a carne nun bar en Sevilla.

Pero amais de contaminada, a marca branca estaba tamén mal etiquetada, segundo informou a Axencia Española de Seguridade Alimentaria, Nas últimas horas Facua presentou unha querela contra MAGRUDIS, por un posible delito contra a saúde pública. A Asociación de Consumidores pediu tamén a dimisión do conselleiro de Sanidade pola xestión desta crise alimentaria, con 200 afectados en España, 190 en Andalucia.

"Non alcanzamos a entender como se pode chegar a estes niveis de incompetencia ao tratar unha crise aliementaria que pode provocar a morte, xa hai dúas persoas falecidas, houbo dous abortos, moitas persoas na uci, non sabemos se a este equipo lle queda demasiado grande a administración, desde logo o conselleiro de sanidade debe dimitir de inmediato", asegura Rubén  Sánchez, voceiro de Facua

O vicepresidente andaluz, Juan Marín, saíu ao paso das críticas e dixo que o conselleiro de Sanidade, Jesús Aguirre, comparecerá cando sexa necesario no Parlamento "na forma que consideren" a Deputación Permanente e os grupos parlamentarios.  "Activáronse todos os mecanismos sanitarios, están a disposición en todos os centros hospitalarios de Andalucía e eu creo que a partir de aí o que tamén hai que esperar é coñecer toda a investigación, porque tamén hai noticias que falan de que esta empresa parece ser que non foi inspeccionada hai máis de dous anos polas autoridades sanitarias, que lle corresponden ao Concello de Sevilla", asegura Marín.

O luns o Ministerio de Sanidade reunirá as comunidades autónomas para abordar esta crise alimentaria que obrigou xa a informar as autoridades europeas por se houbera algún turista afectado.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí