A banda de música de Arca recada 700 quilos de alimentos coa campaña #unbaileunquilo
A necesidade de seguir en contacto durante o confinamento levou a banda de música de Arca a lanzar unha invitación. Pediu que a xente se animase a bailar con eles a muiñeira Mozos do Penedo. E que lles enviasen un vídeo para xuntalos cos músicos da agrupación.
José Mª Blanco, director da banda de música de Arca: "Foron aqueles momentos nos que a xente saía ás oito da tarde a aplaudir. Nós queriamos facelo e poñerlle cara a toda esta xente do noso concello que nos atendía no supermercado, na carnicería, na peixería".
A versión confinada da famosa muiñeira tivo 3.000 visitas en dous días. Co vídeo rematado, decatáronse de que podían darlle unha volta solidaria. Así naceu a campaña #unbaileunquilo. Conseguiron 700 vídeos con 700 muiñeiras solidarias coas que recadaron 700 quilos de alimentos doados polo supermercado Eroski de Arca e Vegalsa Eroski ao Banco de Alimentos Rías Altas e a Cáritas de Arca. Isabel Santos, directora de Cáritas Arca, Bama, O Pino: "Son momentos moi complicados. Hai xente moi necesitada".
"Familias en que puideron quedar un ou os dous no paro ou nun ERTE. Hai moitas empresas que aínda están pechadas. Xente que nunca necesitou axuda, agora si a necesita".
José Mª Blanco, director da banda de música de Arca: "Agradecer a colaboración de todos os compoñentes da banda de música que traballaron para que todo esto puidese levarse a cabo e tamén da xente que empregou o seu tempo para gravarse un vídeo e venceu a vergoña para colgalo nas redes bailando. E con eso axudar a tantas familias".
Todos os participantes están moi contentos co resultado desta campaña. E os músicos da banda, despois de meses sen verse, prepáranse para volver aos ensaios.