CRTVG

Buscar

A campaña cítase na CRTVG co debate entre os aspirantes a presidir a Xunta

Publicado o 29/06/2020 14:52

• Os participantes despexan as axendas para preparar o encontro desta noite

• O debate poderase seguir a través da Televisión de Galicia, a Radio Galega e a páxina web da CRTVG e das súas redes sociais

Esta noite, a cita da campaña é na CRTVG, co debate electoral entre todos os aspirantes a presidir a Xunta de Galicia. A cita é ás nove e media en directo.

Marta Darriba e Alejandro López moderarán no que os candidatos das sete formacións que tomarán parte neste debate contrastarán as súas posturas en catro bloques:

Galicia e a covid-19: xestión, nova normalidade, reconstrución

Políticas económicas, industriais, orzamentarias e fiscais

Políticas sociais e de benestar, educación, sanidade e modelo institucional

• Pactos, gobernabilidade e encaixe de Galicia no Estado

A partir das sete e meida comezará un programa especial en que se poderán ver as chegadas dos candidatos e a análise dos mellores especialistas. 

Os candidatos das principais forzas políticas despexaron en parte ou totalmente as súas axendas públicas para preparar este único debate electoral programado na campaña. Todos, excepto o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, que mantén unha actividade intensa nas horas previas á contenda.

Se este domingo a axenda do presidente galego e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, só incorporou un acto electoral, o luns xa non terá ningún evento en clave de partido. E é que, segundo fontes do PP de G, "o presidente estará a estudar" para o debate, unha cita "á que concede moita importancia" e na que espera expor o seu proxecto aos galegos.

O cabeza de lista de Marea Galeguista, Pancho Casal, liberouse de axenda as tardes do sábado e o domingo para reunirse co seu grupo de asesores nunha sala na Coruña, "apartado" do ruído electoral a fin de prepararse para o debate.

Pola súa banda, o candidato socialista opta por alixeirar a axenda pero, segundo indicaron fontes do PSdeG, manterá polo menos un acto na mañá do luns e deixará a tarde para preparar esta cita.

Aínda que case todas as cabezas de lista deixaron ocos esta fin de semana, a líder do BNG, Ana Pontón, foi quen máis se apartou do foco público, xa que se encerrou a preparar as súas intervencións desde este sábado, que non tiña ningún acto programado.   

Pola súa banda, o candidato de Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, reservou a tarde do domingo e a mañá do luns para preparar xunto co seu equipo de campaña unha cita que ven "feita á medida" de Núñez Feijóo.

Beatriz Pino, a cabeza de lista de Ciudadanos e candidata por Pontevedra, deixou "libres" as tardes da fin de semana e toda a xornada do luns para prepararse para a contenda.

Ricardo Morado, candidato de Vox pola Coruña, serán quen represente a formación de Santiago Abascal no debate.

Amplo dispositivo para a emisión na CRTVG

A Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) mobilizará "un amplo dispositivo" para este debate electoral, que se celebrará a partir das 21:30 horas e que se poderá seguir a través da Televisión de Galicia, a Radio Galega, a G2 —con intérprete de lingua de signos—, a canle de YouTube da Corporación —tamén con intérprete en lingua de signos—, e a través dos medios dixitais da CRTVG.  

A TVG ofrecerá un Especial informativo xa desde as 19:30 horas, presentado por Ana Celia Vázquez, en que participarán os analistas Ana Luísa Bouza, José Luís Gómez, Xosé Luís Barreiro Rivas e Roberto Blanco Valdés, que irán analizando os momentos previos e posteriores ao evento. O debate será moderado polos xornalistas Marta Darriba e Alejandro López desde o Estudio 5 de San Marcos.  

Tanto esa previa como a evolución do debate poderase seguir en directo a través da Televisión de Galicia, da Radio Galega e da páxina web da CRTVG e das súas redes sociais. 

O de hoxe é o primeiro dos debates que organiza a Televisión de Galicia nesta campaña. Seguiranlle outros oito de carácter provincial