CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

A campaña de vacinación antigripal empeza o 23 de outubro

Publicado o 06/10/2017 15:04

A campaña para vacinarse contra a gripe comeza o 23 de outubro. Sanidade fai un chamamento para que as persoas maiores ou con doenzas crónicas acudan a vacinarse. Pretende minimizar as complicacións desta doenza, que o ano pasado causou polo menos 136 mortes.

A Consellería de Sanidade vai dispor de 560.000 doses de vacina antigripal que se administrarán en 900 puntos de toda a comunidade, a partir do 23 de outubro.

A campaña, que remata o 29 de decembro, está dirixida especialmente a maiores de 65 anos, persoas con doenzas crónicas, persoal sanitario e usuarios de residencias.
Responsables da Consellería desmentiron que a propia vacina provoque a doenza.

"As vacinas son virus inactivos, logo non poden causar infección e non poden provocar gripe.
Hai que destacar isto para que a xente non teña medo a vacinarse. Ao contrario, todo son vantaxes".

Os responsables sanitarios insistiron en que non é unha enfermidade menor, e lembraron que o ano pasado houbo preto de 2.000 ingresos nos hospitais galegos e 136 mortes comprobadas mediante analítica.

Sanidade prevé que este ano a cepa, mutada, sexa a mesma.

"Non se espera que circule intensamente ata o Nadal, non creemos que vaia ser excesivamente intensa".

O ano pasado a gripe afectou sobre todo persoas maiores, polo que o Sergas chamará os anciáns que na cuarta semana da campaña aínda non se foran vacinar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí