CRTVG

Buscar

A campaña de marisqueo comezará o 16 de setembro na ría de Noia se desaparece a toxina

Publicado o 10/09/2019 13:39

A campaña marisqueira na ría de Noia está a piques de comezar, sempre e cando a presenza da toxina vaia a menos. Na confraría confían en que as análises dean bos resultados para poder mariscar a partir do vindeiro luns. 1.500 persoas, en embarcación ou a pé, dedícanse ao berberecho e á ameixa nesta ría.

Apenas quedan uns días para que esta imaxe en calma que ofrece hoxe a ría de Noia deixe paso ao fervedoiro de embarcacións e mariscadoras a pé na procura de berberecho e ameixa. Así que toca poñer todo a punto para a apertura da campaña, prevista para este luns 16 de setembro. Sempre e cando a toxina o permita.

O patrón maior da Confraría de Pescadores de Noia, Santiago Cruz, explica que a toxina "xa leva unhas semanas, está tamén no mexillón, forte, e baxou algo nas últimas semanas pero está aí, así que hai que facer análises e máis análises, mesmo o domingo á tarde aínda faremos o último mostreo se se pode ir, porque pode subir de repente e xogámonos moito os primeiros días da campaña".

Confían en que o vento do norte dos últimos días axude a limpar de toxina a ría para que as 420 mariscadoras a pé e as 530 embarcacións rexistradas, en total unhas 1.500 persoas, poidan saír traballar a partir do luns. Poderán apañar as mesmas cantidades que o ano pasado agás no caso da ameixa xapónica, que baixa en dous quilos por persoa.

"Son tres quilos e ameixa por especie, fina, babosa e xaponesa, e de berberecho son os mesmos que o ano pasado: 30 quilos por tripulante, o primeiro e o segundo, e o terceiro e o cuarto levan dez, e as mariscadores a pé levan 20 como o ano pasado".

As primeiras semanas a maior parte do produto venderáselle á industria conserveira, e desde a confraría agardan bos resultados, aínda sen chegar ás marcas históricas acadadas na campaña anterior.

Santiago Cruz asegura que "polo que nos din as conserveiras, hai demanda, vai haber bos prezos, e se nos deixa traballar a toxina penso que vai ser unha boa campaña".

Mentres non empeza e á espera de resultados dos laboratorios, apuran os últimos detalles para estaren preparados.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/09/2019