CRTVG

Buscar

A Cámara dos Comúns arrebátalle a May o temón do 'brexit'

Publicado o 26/03/2019 09:07

329 votos a favor fronte a 302 en contra. Apróbase a emenda Letwin, que leva o nome do deputado conservador que a presentou para arrebatarlle a May o control da axenda do debate na Cámara dos Comúns.

"O Goberno sacou un suspenso e esta casa terá a habilidade de conseguir un éxito", dicía o líder da oposición, Jeremy Corbyn. Despois de visitar Bruxelas a semana pasada, os laboristas apoian que o Parlamento vote mañá, mércores, opcións alternativas ao plan que May propoñía como única saída.

"A menos que esta casa revogue a súa propia decisión, non pode haber unha saída sen acordo; non debería pasar que non haxa brexit, e estender o brexit máis aló do 22 de maio forzará os británicos a participar nas eleccións europeas e renuciar ao control de fronteiras, leis, finanzas ou comercio: non é o brexit que provocará consenso".

Refírese así a primeira ministra a idea que barallan os laboristas de negociar con Bruxelas un brexit suave. Antes que o brexit duro, xa rexeitado polo Parlamento, poderían votar este mércores a favor dunha convocatoria electoral ou mesmo unha repetición do referendo.

"A xente nova deste país quere quedar en Europa. Ante o bloqueo no Parlamento, este asunto debería ser devolto ao pobo e formular a alternativa clara entre dúas opcións, quedar en Europa ou aceptar o acordo de May", explican estes mozos que onte mesmo se manifestaban para apoiar un novo referendo.

Así, May recoñece que non ten apoios, nin dos socios norirlandeses do DUP nin no seu propio gabinete, no que esta pasada noite dimitiron tres secretarios de Estado para poder votar a favor de restarlle poder á primeira ministra.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/03/2019