CRTVG

Buscar

A Cámara de Representantes insta a Pence a destituír a Trump sabendo que non o fará

Publicado o 13/01/2021 06:13
A Cámara de Representantes insta a Pence a destituír a Trump sabendo que non o fará

A Cámara de Representantes dos EUA insta ao vicepresidente do país a destituír a Donald Trump pola súa incapacidade para seguir nun cargo que terá que deixar de hoxe nunha semana. A resolución para que invoque a Emenda 25 da Constitución saíu adiante por 223 votos a favor —os dos demócratas máis o dun congresista republicano— e 205 en contra.

Chámao a actuar malia a que o propio Mike Pence confirmou antes da votación que non o fará. O número dous do gabinete remitíulle unha carta á presidenta da Cámara de Representantes, a demócrata Nancy Pelosi, adiantándolle que non cedería aos "esforzos de facer xogos políticos nun momento tan grave"; na misiva lembroulle que tampouco cedeu ás presión para exercer un poder más aló da súa autoridade constitucional cando Trump lle pedíu que descoñecese a vitoria de Joe Biden.

Queda así despexado o camiño para sacar adiante o xuízo político ao aínda mandatario por incitar á insurrección promovido polo Partido Demócrata. Varios congresistas republicanos avanzaron que o van apoiar; medios locais aseguran que o seu líder do Senado, Mitch McConnell, cre que Trump fixo abondo como para forzalo a deixar o posto e sinalan que o líder do partido na Cámara Baixa, KevinMcCarthy, estaría disposto a aprobar unha medida para censurar o seu comportamento.

A cúpula do exército condenou o asalto ao Congreso, confirmou a súa lealdade a Biden como futuro comandante en xefe das Forzas Armadas e lembroulles aos militares en servizo o seu deber de defender a Carta Magna e rexeitar os extremismos.