CRTVG

Buscar

A Cámara de Representantes aproba a apertura do segundo xuízo político contra Trump

Publicado o 13/01/2021 22:40

A Cámara de Representantes dos EUA aprobou este mércores a apertura dun novo xuízo político contra o presidente saínte, Donald Trump, nesta ocasión baixo a acusación de "incitación á insurrección" tras o asalto da semana pasada ao Capitolio dunha turba dos seus seguidores, que deixou cinco mortos. 

Trump convértese así no único presidente na historia dos EUA que é axuizado politicamente en dúas ocasións. A votación deste mércores resultou en 231 votos a favor e 197 en contra, con dez lexisladores republicanos sumándose á totalidade da bancada demócrata.

"Sabemos que o presidente dos Estados Unidos incitou esta insurrección, esta rebelión armada contra o noso país común. Debe irse. É un perigo claro e presente para a nación que todos amamos", sostivo Nancy Pelosi, a presidenta da Cámara Baixa, no debate previo á votación.

O mandatario saínte criticou o novo xuízo político na súa contra como algo "absolutamente ridículo" e "unha continuación da maior caza de bruxas da historia da política". Todo iso a menos dunha semana de que leve a cabo a cerimonia formal de traspaso de poder, prevista para o 20 de xaneiro, en que o demócrata Joe Biden asumirá a Presidencia. 

 

Noticias web

13/01/2021