CRTVG

Buscar

A calor das últimas semanas adianta o agromo das vides

Publicado o 07/05/2019 14:46

As altas temperaturas deste ano adiantaron o desenvolvemento das cepas ata en 15 días. En zonas como a do Ribeiro xa agromaron os acios e todo apunta a unha boa colleita, aínda que os viticultores seguen moi pendentes do tempo. A chegada dunha xeada, pouco probable xa a estas alturas, ou a aparición de fungos poden estragar a produción.

En Beade, os viticultores dedícanse estes días a atar as vides para evitar que a forza do vento as rompa. A estas alturas as cepas xa teñen moita ramaxe. Unha colleita que por agora semella moi boa, xa que naceron moitos acios.

As altas temperaturas fixeron que o desenvolvemento das cepas se adiantara entre unha semana e quince días, dependendo da zona. Hai dous anos acontecera algo semellante e unha xeada rematara con boa parte da colleita, aínda que daquela a baixada brusca de tempraturas fora a finais de abril.

Preocupa máis a posible aparición de fungos. Nesta zona do Ribeiro moitos viticultores xa deron varios tratamentos preventivos. O tempo pode botar por terra a colleita que naceu polo que aquí continúan a traballar cun ollo posto sempre no ceo.

Noticias web

07/05/2019