Morre unha muller en Cabanas ao caerlle enriba a póla dunha árbore
Unha muller de 70 anos faleceu en Cabanas tras caerlle enriba unha póla duns 30 quilos de peso. A vítima recibiu atención médica no momento, pero non puideron facer nada por salvarlle a vida. A Garda Civil abriu unha investigación para esclarecer o accidente.
Cabanas segue conmocionada polo suceso acontecido a última hora de onte no paseo da Magdalena. Unha muller de 70 anos de idade e veciña das Pontes morreu esmagada por unha póla dun piñeiro duns 30 quilos de peso. No momento do fatal accidente a señora estaba a pasear con dúas amigas, que saíron ilesas. Unha enfermeira que se atopaba de vacacións na zona foi a primeira en atender a vítima. Os esforzos por reanimala foron inútiles.
Amais das dúas ambulancias medicalizadas, ao lugar desprazáronse os bombeiros das Pontes, que procederon a asegurar a zona, unha unidade da Policía Xudicial e outra da Garda Civil, que se fixo cargo da investigación do accidente.
As primeiras hipóteses apuntan a que a póla duns 3 metros de longo puido rachar a consecuencia do peso.
O concello de Cabanas trasladou as súas condolencias á familia da falecida a través dun comunicado e decretou dous días de loito oficial polo tráxico suceso.