CRTVG

Buscar

A caída dunha árbore sobre o tendido deixou veciños de Poio ata seis horas sen luz

Publicado o 06/09/2019 14:31

A caída dunha árbore sobre o tendido eléctrico deixaba onte sen subministración as parroquias de Combarro e de San Xoán, en Poio. O corte tivo lugar arredor das nove e media da mañá, impedindo que os comercios da zona desenvolveran a súa actividade de xeito normal, nunha hora de gran demanda.

Luís Castiñeira, responsable dun hotel-cafetería: "Houbo varios cortes intermitentes e quedamos sen luz. Interrompeunos o horario de almorzo e as saídas do hotel".

Alberto Castiñeira, responsable dunha cafetería: "Hai xente que espera, hai xente que quere o café, hai que resolvelo da mellor maneira posible. A cociña que temos é de gas, así que quentamos o leite nun cazo".

Dende a empresa subministradora da luz cifran os afectados nun cento de ususarios. O servizo foise restablecendo en varias fases a medida que os técnicos traballaban na liña. Os peor parados tiveron que agardar ata seis horas para poder contar coa luz de novo.

"Teño todo eléctrico, non tiña auga tampouco, tivemos que comer bocadillos", asegura unha veciña.

Con todo, contan que se trata dun feito illado xa que este ano non tiveron que lamentar moitas incidencias nesta zona. A subministración foi restablecida por completo ás tres e media da tarde para todos os usuarios.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/09/2019