CRTVG

Buscar

Ana Julia Quezada permaneceu tres horas na leira de Rodalquilar na que matou o pequeno Gabriel

Publicado o 13/09/2019 12:21

O primeiro en testemuñar nesta quinta sesión do xuízo pola morte de Gabriel Cruz foi o coronel xefe da comandancia de Almería, que cifrou en 200.000 euros o custo da operación de busca do pequeno, sumando gastos de persoal e material.

A continuación, os peritos da Garda Civil explicaron como rastrexaron os movementos da acusada, Ana Julia Quezada, a través do rexistro de chamadas e conexións de datos do seu móbil.
Ese rexistro demostra que a acusada estivo durante tres horas na parcela de Rodalquilar o día do crime.
Escoitáronse na sala tamén os axentes que inspeccionaron o coche da acusada, que detallaron cómo descubriron o cadáver semiespido do menor no maleteiro. "O cadáver está tendido no chan do maleteiro. Está boca arriba coa cabeza mirando cara á zona dianteira do vehículo."

Nesta sesión declararon, na súa condición de peritos, os gardas civís que fixeron a inpección ocular e recolleron probas no escenario do crime.

O xuízo retomarase a semana que vén coa declaración dos forenses, o que dará paso aos informes e conclusións finais das parte e a continuación poderá comezar a deliberación dos nove membros do xurado popular.

A declaración do comandante Montero, da UCO de Madrid, foi unha das máis contundentes da sesión de onte. Cualificou a investigación como "moi dura" e dixo que sempre traballaron coa hipótese do secuestro.  

O xurado volveu escoitar os audios gravados á acusada no coche e tamén se soubo o que dixo Ana Julia ao ser detida. Os axentes revelaron que nese momento, Ana Julia tamén quixo exculparse asegurando que alguén metera o cadáver no seu maleteiro para inculpala. 

Tamén se proxectou a reconstrución dos feitos en que participou a acusada o 12 de marzo canda o xuíz instrutor. Os mandos policiais revelaron detalles do que fixo reorientar as sospeitas cara áacusada, por exemplo, cando apareceu a camiseta de Gabriel. 

Outros axentes contaron que o 5 de marzo, a acusada deu voltas sen sentido por un barrio de Almería. E que logo souberon que foi para desfacerse da roupa do neno. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí