CRTVG

Buscar

A busca de Marta Calvo entra nunha fase "lenta e minuciosa"

Publicado o 09/12/2019 14:22

Retomouse a busca de Marta Calvo, a muller valenciana que desapareceu hai un mes tras concretar unha cita pola rede. Os investigadores dubidan da veracidade do relato ofrecido polo suposto autor do crime, que permanece en prisión provisional.

Os efectivos da UME e da Garda Civil retomaron a busca de Marta Calvo nos arredores da localidade de Manuel e tamén nalgúns vertedoiros da zona.

O subdelegado do Goberno en Valencia aseguraba hoxe que se trataba dunha nova fase lenta e minuciosa para tratar de corroborar a versión do detido.

Jorge Ignacio Palma, en prision provisional desde o venres, dixo que Marta e el mantiveran un primeiro encontro dúas semanas antes do sete de novembro, o día en que se lle perde a pista á muller.

Foi nesta segunda cita cando supostamente Marta morreu, tras manter relacións sexuais e consumir cocaína.

Uns meses antes, Jorge Ignacio xa se vira implicado na morte doutra muller en circunstancias case semellantes polo que, segundo lles dixo aos axentes, decidiu despezar o corpo de Marta e botalo en colectores do lixo de varias localidades.

Os investigadores dubidan do seu relato e admiten que canto máis tempo se tarde en localizar o corpo máis difícil será determinar se a morte de Marta foi violenta ou, se como asegura o detido, foi unha morte accidental.

Noticias web

09/12/2019