CRTVG

Buscar

A borrasca Ernest pon en aviso laranxa toda a costa galega e trae máis neve

Publicado o 07/12/2020 21:48

O temporal no mar non dá tregua. A entrada dunha nova borrasca obriga a manter activados os avisos en toda a costa galega. A zona máis afectada está a ser o litoral da Mariña de Lugo con ondas por riba dos 6 metros en Estaca de Bares, mais na Costa da Morte o tamén está moi revolto con ondas superiores aos 5 metros en cabo Vilán. Este era o aspecto do porto de Caión, na Laracha.

En terra hai aviso ata a medianoite nos concellos costeiros das catro provincias galegas por refachos que superaron os 100km/h en varios puntos do Ortegal e tamén da Mariña. O refacho máximo de 127km/h rexistrouse en Estaca de Bares. Na zona comprendida entre Arteixo e A Coruña superáronse os 70km/h.

A situación no mar tende a mellorar especialmente a partir da tarde deste martes.

Volve a neve á montaña de Lugo e Ourense

As intensas precipitacións das últimas horas fixeron que no concello de Pedrafita do Cebreiro se chegaran a acumular máis de 45 litros por por metro cadrado. A choiva fixo que o manto branco de neve comezara a desaparecer pero semella que a neve volve. Está activado un aviso amarelo en toda a montaña de Lugo e prevese que neve en cotas superiores aos mil metros de altitude".

Tamén na montaña de Ourense ademais do aviso amarelo ata esta media noite por refachos de vento superiores a 80 quilómetros por hora, agárdase que volva de novo a neve.

Noticias web

07/12/2020