CRTVG

Buscar

A borrasca deixa un regueiro de incidencias na Mariña e na Coruña

Publicado o 12/08/2020 14:49

A previsión alertaba de que poderían acumularse ata 80 litros de auga por metro cadrado en 12 horas. Choveu con intensidade e na hora da preamar chegaron os problemas. O río desbordou e auga entrou nas vivendas. A enchente obrigaba a cortar ao tráfico a estrada que dá aceso aos areais.

"Hai unha cantidade importante de auga e non sabemos como está o firme debaixo, ata que vaia evacuando esa auga así estancada vai permanecer pechada por seguridade", explica Ana Hermida, alcaldesa de Barreiros.

A zona centro da Mariña é a máis afectada pola chuvia. As tapas da rede de sumidoiros desbordaron en moitos puntos. Nesta pista en Mondoñedo unha pa retira a terra tras a derruba do noiro.

"Baixou auga da autovía e levou as barreiras, terra e árbores", di un dos operarios de consevación de estradas.

Foi unha mañá intensa para os servizos de emerxencias tamén na cidade de A Coruña. Houbo asolagamentos en aparcadoiros, terrazas, caídas de árbores.

"Problemas de atascos, canalóns, fachadas, cubertas e terrazas", explica Eduardo García, sarxento dos bombeiros da Coruña.

E situación complicada tamén nas estradas, en Malpica unha ambulancia envorcou cando trasladaba un enfermo que quedou atrapado a consecuencia do impacto.

Noticias web

12/08/2020