CRTVG

Buscar

A borrasca Cecilia causa numerosos estragos en Pontevedra

Publicado o 14/11/2019 20:59

A borrasca Cecilia está a deixar un regueiro de incidencias na provincia de Pontevedra. Especialmente en Vigo, con fortes ventos que romperon árbores, farois, cables e mesmo a iluminación de Nadal. Multiplicáronse imaxes de árbores arrincadas de raíz coma este que caeu sobre un coche no Berbés ou outro en pleno paseo de Montero Ríos. Malia a espectacularidade das imáxenes, non se rexistraron danos persoais.

Fortes refachos de vento fixeron voar contedores, que ocuparon as estradas complicando moito o tráfico, e o transporte de ría tivo que ser suspendido da unha ás cinco da tarde. Mesmo un veleiro amarrado no porto do Xufre en Vilagarcía voou ata o peirao.

O temporal tamén afectou o tráfico aéreo, e un voo procedente de Madrid tivo que abortar a aterraxe en Peinador e volver á capital, e outros dous foron desviados ao aeroporto de Santiago. Moita sorte tivo a condutora dun vehículo que foi atravesado por un ferro que caeu dun ático en Cangas, aínda que tivo que ser trasladada a un centro de saúde por unha crise nerviosa. Coa caída da tarde non cesaron as incidencias.

A rede eléctrica galega tamén sufriu os efectos do temporal, con máis de 8.000 incidencias só na mañá na provincia, especialmente nos concellos de Vigo e Nigrán.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2019