A borrasca Bella trae neve en cotas baixas e alerta vermella na costa da Coruña e Lugo
A borrasca Bella seguirá achegando inestabilidade durante a xornada deste luns, en que haberá intervalos nubrados, con chuvascos localmente tormentosos e ocasionalmente acompañados de saraiba, segundo a predición de Meteogalicia.
A cota de neve situarase nos 800 metros, ascendendo lixeiramente nas horas centrais do día, con alerta amarela por acumulación de máis de 5 centímetros en 24 horas na Montaña de Lugo e de Ourense.
As temperaturas mínimas terán un lixeiro ascenso, mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso.
O vento soprará de compoñente oeste, moderado no interior, forte no litoral e zonas altas. Este vento chegou a acadar os 150 km/h en Muras ou Carballeda de Valdeorras, o que produciu a caída de pólas de árbores e pequenos danos.
Alerta vermella na costa da Coruña e da Mariña
No mar segue activada a alerta vermella na costa da Coruña e A Mariña lucense por ondas de entre oito e dez metros, mentres que nas Rías Baixas a alerta é laranxa, con ondas de entre 5 e 6 metros.
Tamén continúa activa durante o día de hoxe a alerta laranxa por forte vento na Coruña e Lugo, que é de nivel amarelo nas Rías Baixas.
Recoméndase precaución na A-6 á altura de Pedrafita do Cebreiro pola posibilidade de neve na calzada. Tamén haberá que andar con moito ollo na LEU-633 neste mesmo concello.