CRTVG

Buscar

A borrasca Bella deixa ondas por riba dos 10 metros no litoral da Coruña e Lugo

Publicado o 28/12/2020 20:37

Este luns rexistráronse ondas por riba dos 10 metros tanto en Estaca de Bares como en cabo Vilán. Son os efectos da borrasca Bella, que obrigou a activar o aviso vermello no litoral galego entre a Costa da Morte e Ribadeo. Na cidade da Coruña os accesos ás praias permaneceron pechados e, coincidindo coa preamar da tarde, non faltou público para observar o espectáculo das ondas.

A forte ondada veu acompañada de forte vento. Na Mariña luguesa acadáronse refachos máximos de 110 km/h en Burela e de 116 en Viveiro. Tamén zoou o vento na Costa da Morte con refachos de 100 km/h en Malpica.

Na cidade da Coruña a forza do vento provocou incidencias como caída de árbores ou cascallos, sen maiores consecuencias, como o rexistrado nun edificio da avenida de Oza, onde tiveron que intervir os bombeiros. Na cidade os refachos superaron os 80 km/h. A intensidade do temporal no mar vai a menos e a partir da medianoite o aviso baixará a laranxa, polo que a situación seguirá a ser complicada.

Alerta laranxa nas Rías Baixas

As Rías Baixas tamén continúan baixo os efectos da borrasca Bella e o aviso laranxa vaise manter ata a tarde deste martes. O aviso é de mar combinada con ondas de máis de 5 metros. O vento no mar vén do noroeste con forza 7.

Noticias web

28/12/2020