CRTVG

Buscar

A borrasca Bárbara ten en alerta laranxa once comunidades

Publicado o 20/10/2020 15:15

Circular esta madrugada polas estradas de Madrid non era doado. O vento e a chuvia complicaron moito o tráfico e provocaron múltiples accidentes.

A culpa deste mal tempo tena a borrasca atlántica Bárbara, que segue mandando frontes recargadas de humidade por masas de aire subtropical. Este martes está pasando a máis intensa desas bandas de nubes impulsadas por fortes ventos. Percorre boa parte da Península de sur a norte.

As zonas afectadas pola súa evolución están en alerta laranxa porque os refachos poden chegar aos cen quilómetros por hora no litoral de Cantabria e o País Vasco e 120 nas zonas de montaña. As precipitacións previstas son de ata 80 litros por metro cadrado en 12 horas.

A máxima incidencia do temporal, que afecta tamén as Canarias, sentirase sobre todo a partir desta tarde nas zonas máis altas de Castela e León, o norte de Estremadura, Madrid, Toledo, A Rioxa e as comunidades cantábricas.

De momento, as temperaturas seguen sendo cálidas, pero tras a fronte as máximas diúrnas poden baixar ata sete graos. Os únicos que se van librar deste varrido outonal son os que vivan no extremo sueste da Península.


 

Noticias web

20/10/2020