CRTVG

Buscar

A bolsa española inicia a semana con perdas

Publicado o 23/03/2020 09:41
A bolsa española inicia a semana con perdas

A bolsa española mantén perdas do 3,09 % tras a apertura e pon en risco os 6.200 puntos, arrastrada polo esborrallamento que sofren os futuros estadounidenses ante as discrepancias entre republicanos e demócratas sobre o paquete de rescate económico para facer fronte ao coronavirus.

A pesar das subidas rexistradas nas dúas últimas sesións, grazas ás accións levadas a cabo polos bancos centrais para facer fronte á pandemia, o principal indicador da bolsa española, o IBEX 35, volve ao terreo negativo, e nos primeiros compases da sesión deixa 198,80 puntos, ese 3,09 %, ata os 6,244,50 puntos.

En Europa, o resto dos principais mercados tamén abriu con fortes perdas; Londres deixa o 4,9 %; Frankfurt, un 4,7 %; París, un 4,3 %, e Milán, un 4,1 %.

Os mercados europeos volven decantarse hoxe polo pesimismo ante o rápido avance do coronavirus e as súas posibles consecuencias económicas.

A pesar das medidas que están a adoptar os diversos gobernos e bancos centrais, o impacto da pandemia en Europa ocasionará unha recesión económica este ano, tal e como advertiu o vicepresidente do Banco Central Europeo (BCE), Luis de Guindos.

Xusto mañá, daranse a coñecer algúns datos que permitirán ter unha visión da situación económica en que se atopa Europa, como os PMI adiantados de servizos e manufactureiros de Alemaña e Francia (marzo) e do conxunto da eurozona.

A pandemia tamén comeza a facer efecto nos EUA, onde cada vez son máis os estados que paralizaron a súa actividade económica e pediron aos cidadáns que queden na casa.

Ante as fortes perdas que agoiran os futuros dos índices estadounidenses -Wall Street xa pechou o venres cun esborrallamento de máis do 4 %-, en Asia, os principais mercados tamén pecharon á baixa, aínda que o Nikkei de Tokio logrou subir o 2 %, segundo os expertos, animado pola idea de que os Xogos Olímpicos de 2020 sexan pospostos e non cancelados, o cal tería peores implicacións económicas.

No mercado de materias primas, o prezo de cru Brent comezou a semana á baixa, cunha caída de máis do 4 %, ata os 26,08 dólares.

No mercado de débeda, o rendemento do bono español a dez anos cotiza levemente á baixa, no 0,726 %, coa prima de risco en 108 puntos básicos.

De volta ao mercado español, todos os grandes valores do IBEX 35 rexistran perdas, encabezadas por BBVA, que deixa o 5,47 %; seguido por Iberdrola, co 4,05 %; Telefónica, co 3,98 %; Santander, co 3,91 %; Inditex, co 2,04 %, e Repsol, co 1,10 %.

Aena é o valor máis baixista de todo o selectivo español, ao deixar o 9,60 %, mentres que Grifols se afunde co 9,28 % e Meliá Hoteles, co 7,17 %.

No lado das ganancias, onde só cotizan catro valores, destaca Ence, que sobe o 3,86 %;  Masmovil, o 2,46 %; Amadeus, o 1,77 %, e  Merlin Properties, o 0,47 %.