CRTVG

Buscar

A bolsa española desínflase e reduce as ganancias iniciais

Publicado o 13/03/2020 11:33

• O mercado español sufriu este xoves a peor sesión da historia cunha caída do 14%. Nova York pechou cun descenso do 10%

A bolsa española, que rebotaba case un 6 % na apertura deste venres, desínflase e reduce as ganancias iniciais ao 3,93 %, e iso un día despois de sufrir a peor sesión da súa historia, cunha caída do 14,06 %, ante o nerviosismo polas consecuencias económicas do coronavirus.

Nos primeiros compases deste venres, que estará marcado pola prohibición da CNMV das vendas a curto das accións que máis caeron onte, o principal indicador da Bolsa española, o IBEX 35, anótase 251,40 puntos, ese 3,93 %, ata os 6.642,20 enteiros.

A pesar da suba de hoxe, o IBEX 35 suma unhas perdas de máis do 21 % no acumulado da semana que finaliza, o que podería converterse no seu peor rexistro semanal da historia.

No resto de Europa, Milán tamén rebota o 5,35 %; Londres, o 4,49 %; París, o 2,77 %; e Frankfurt, do 1,48 %.

O IBEX 35, xunto co resto de prazas mundiais sufriu na xornada de onte fortes descensos ante o pánico espertado entre os investidores pola rápida expansión do coronavirus e as súas posibles consecuencias económicas, e iso, a pesar das medidas adoptadas por gobernos e bancos centrais.

Xusto onte, o Goberno español aprobou un plan de medidas excepcionais para mitigar o impacto polo COVID-19, que permitirá mobilizar ata 18.225 millóns de euros durante este ano, mentres que o Banco Central Europeo (BCE) mantivo os tipos de interese na zona do euro e optou por comprar máis débeda e garantir a liquidez das empresas.

As medidas do BCE non foron ben acollidas polo mercado, do mesmo xeito que a decisión de EUA de prohibir as viaxes a Europa.

Esta prohibición tamén espertou o pánico en Wall Street, onde un dos seus principais indicadores, o Dow Jones de industriais, afundiuse un 10 %, a súa peor caída desde o crash de 1987, a pesar tamén da drástica inxección de liquidez anunciada pola Reserva Federal (Fed).

O pánico dos investidores trasladouse este venres a Tokio, onde o seu principal indicador, o Nikkei, afundiuse o 6,08 %. O Banco do Xapón inxectou hoxe no sistema financeiro uns 5.918 millóns de euros a través de compra de bonos soberanos, para mitigar a volatilidade nos mercados.