CRTVG

Buscar

A bolsa española abre cun lixeiro optimismo á espera das novas medidas económicas

Publicado o 31/03/2020 09:49
A bolsa española abre cun lixeiro optimismo á espera das novas medidas económicas

A bolsa española abre este martes con ganancias de arredor do 1,8 % ata os 6.780 puntos.

Á espera das novas medidas económicas que aprobará hoxe o Consello de Ministros para afrontar a pandemia de coronavirus, o IBEX 35 comezou a sesión algo máis animado, logo de pechar onte con perdas do 1,74 %, ao contrario ca o resto dos mercados europeos.

Os datos procedentes da China, cuxa industria manufactureira vai recuperándose co reinicio da actividade nas fábricas, parecen estar detrás deste lixeiro optimismo nos primeiros compases do mercado da bolsa.

Mesmo así, a bolsa española pechará este mes de marzo con fortes perdas de máis do 22 %. Neste trimestre o balance aínda será máis negativo, porque a caída anda polo 29 %.

As principais bolsas europeas tamén abriron en positivo hoxe, logo do avance de Wall Street do 3,49 %.